Romaría da Virxe da Pena de Francia
A da Virxe da Pena de Francia é unha sonada romaría que na actualidade se celebra o primeiro domingo de setembro nas inmediacións da capela do mesmo nome. Dende as abas da Pena de Francia os romeiros gozan dunha das máis impresionantes panorámicas que hai sobre o nordés da provincia de Pontevedra, acadando coa vista cimas tan nomeadas como o Monte Faro e o Pico Sacro, xa nas inmediacións de Santiago, a 45 quilómetros de distancia. A crenza leva á tradición de que tres irmás que vivían na Serra da Martiñá, no veciño concello ourensán de Cea, fuxindo das bruxas alí chegadas, repartíronse por tres lugares: unha, a chamada Magdalena, foi a parar a Forcarei; outra recalou na aldea de Requeixo, no Monte Faro; e a terceira, a chamada Morena, ficou aquí, converténdose na Virxe da Pena de Francia. O seu nome asóciase tamén coa vitoria dos galegos fronte ós franceses en 1809, dentro dos episodios das liortas napoleónicas. A romaría dátase no tránsito entre os séculos XVII e XVIII, posiblemente para cristianizar cultos pagáns anteriores, ancorados nas orixes prehistóricas da presenza do ser humano nestas elevacións. Ese día de setembro, os romeiros acoden a misa e realizan a tradicional “Subasta”. A virxe tráese dende a igrexa de Santa María de Dozón, seguindo a tradición orixinal, que a facía subir polo Camiño do Rei, sendo así venerada en procesión. A continuación ten lugar o multitudinario xantar na coñecida e ampla área recreativa que hai ladeira abaixo, momento no que cada quen, traendo a súa comida, almorza baixo a “carballeira”.