Cruceiro de Sanguiñedo II
Este pequeno cruceiro, que non supera os dous metros e medio de altura, forma parte do adro da ermida de Santo Domingo que, á beira da estrada Nacional 525, ten unha clara función camiñeira, relacionándose coa sacralización de vías antigas comerciais. Acorde con isto, responde ó modelo de obra sinxela e robusta, pouco delicada pero rotunda. Sen base visible, aínda que podería ter soterrada unha plataforma simple, carece de pedestal. Ofrécesenos directamente ante os ollos o varal, octogonal e liso, que finaliza en forma cuadrangular mediante transicións en punta de frecha cara ás arestas cúbicas do remate da columna. Sobre esta, unida de maneira basta, o capitel ten tamén aspecto cuadrangular e presenta unha forma tronco prismática invertida coas caras lisas. Este suma unha parte inferior en cuarto circular convexa, unha sección intermedia cúbica e un leve filete superior. A cruz é octogonal e lisa tamén, sen imaxes nin inscricións, cun remate moi desgastado tanto no pau como nas travesas, aínda que en ambos os dous casos debeu acoller remates florenzados.