Área recreativa praia fluvial de Sanguiñedo
Cerca do Alto de Santo Domingo, desviándose da N-525, sae cara o suroeste unha estrada local que leva á parroquia de Sanguiñedo. En tan só dous quilómetros acádase a área recreativa e a praia fluvial do concello, que son dende hai anos o referente de ocio estival para todo a contorna e os municipios limítrofes. Trátase dunha área ben coidada, nun entorno envexable á beira do Río Seixas. O deseño é moi apropiado, xa que un baixo muriño de formigón retén a auga do río e mantén un calado ideal para o baño. Este muro posúe varias escaleiras metálicas e de cemento que facilitan o acceso pola marxe dereita, a parte do merendeiro, mentres ó lado contrario unha praia de branca area somérxese de maneira tendida na auga para permitir un baño adaptado ás necesidades de nenos e adultos. O recinto atópase delimitado por árbores, amparándoo do sol de verán, en especial os grandes ameneiros próximos ó muro, baixo os cales se dispoñen unha ducia de mesas e os seus respectivos bancos. Conta ademais con varias grellas, unha ampla superficie de aparcadoiro, un bar onde tomar aperitivos e refrixerios e, entre outras comodidades, uns aseos para os visitantes.