Cruceiro de Bidueiros I
Este cruceiro atópase nunha galla de camiños, uns 300 metros ó leste da sé parroquial de Santa María de Bidueiros, no camiño que enlaza esta coa Feira da Gouxa, polo que seguramente estará relacionado con dito enlace. A cruz monumental parte, na súa base, dunha plataforma pétrea amorfa sobre a que se asenta un pedestal cúbico e biselado. Este alterna as súas caras coas do varal, que é octogonal, non presentando inscricións nin marcas e elevando o conxunto ata uns tres metros de altura. Na actualidade carece de capitel, aínda que por referencias históricas coñécese que partía dunha base cilíndrica para rematar en forma cuadrangular. Tampouco conserva xa a súa cruz superior, malia que hai referencias que a describen como simple, compoñéndose a base de prismas cuadrangulares lisos con remate plano, sen que estivese adornada por figura ou inscrición que aumentase o seu sinxelo simbolismo.