Cruceiro de Dozón II
Este cruceiro localízase á dereita da vía que une a aldea de As Nogueiras, á saída desta, coa igrexa parroquial de Santa María de Dozón. O seu emprazamento á beira da valgada que separa o lugar sacro do poboado, fai posible a súa visualización conxunta. Complementa a sacralización do camiño xunto co cruceiro que se atopa no igrexario, a só 80 metros. Máis modesto que este, é bastante sinxelo e se atopa en bo estado de conservación. A súa plataforma está formada primeiramente por unha base de dous pasos de feitura circular. Completándoa, preséntase un curioso e notable pedestal cilíndrico no que se embute o varal. Este comeza dende a súa parte baixa como octogonal para rematar, na parte final superior, de maneira cuadrangular mediante unha transición en punta de frecha nas caras oitavadas. Un capitel de forma tronco-prismática invertida disponse en moldura de forma cóncavo-convexa e cima recta ou gola, sostendo unha cruz sinxela, sen ornamentos, nin figuras ou inscricións, pero cunha orixinal sección octogonal rematada en bisel tanto no pau como nas travesas.