Cruceiro de Bidueiros II
Atópase moi próximo á igrexa parroquial, no acceso á mesma. A súa base está completa, constituída por unha plataforma que presenta dúas gradas circulares, a superior composta por un par de pezas a modo de cambas. Nesta embútese parcialmente un pedestal cuadrangular e simple, coas arestas romas polo desgaste. No seu centro érguese un varal que ten o seu cuarto inferior en prisma cuadrangular, sendo o resto octogonal. O conxunto superaba os tres metros, pero na actualidade xa non conta co capitel nin coa cruz. O primeiro contaba con dúas partes: a inferior continuaba coa forma de octógono e presentaba un colar da mesma figura xeométrica; a superior remataba nunha lámina cuadrangular delgada, con delicadas volutas que lle outorgaban un aspecto moi elegante e estilizado, lembrando ó estilo xónico. Pola súa parte, a cruz era de sección romboidal tanto no pau coma nos brazos, e presentaba remates florenzados esaxerados nos extremos, tendo, na cara que mira cara á igrexa, na cruceta, un círculo solar celta.