Castro de Dozón
Este asentamento prehistórico asociado á Idade do Ferro atópase fronte á aldea de As Nogueiras, da que o separan unha valgada de húmidos e verdes prados. Estes son regados polas augas que baixan dende o Monte da Pena de Francia a reunirse co Rego Piñeiro, unha das fontes do Río Asneiro. Aproveitando a súa posición eminente a 677 metros de altitude, vixía o conxunto parroquial de Santa María de Dozón, que é posible distinguir a escasa distancia cara ó nordés. Emprazado no lugar coñecido coma Os Castros, microtopónimo que lembra ós seus recintos enclaustrados defensivos, hoxe se atopa colonizado por frondosas autóctonas e, na súa parte central, por unha densa matogueira. A croa do castro comprende unha extensión duns 7.000 metros cadrados, alcanzando 1 hectárea de sumar a súa prolongación fortificada setentrional e algo máis de 1,5 hectáreas de engadirse os restos doutras defensas exteriores e un terraplén que supera os dez metros de desenvolvemento vertical. Ó tempo, é posible distinguir os restos dun parapeto na súa parte occidental.