Peto de Ánimas S. Martiño
Os petos de ánimas son manifestacións do culto aos mortos e ás súas almas. Emprazados á beira dos camiños, en encrucilladas e igrexarios, teñen a función de lembrar ós camiñantes o sufrimento das almas no Purgatorio, solicitando a axuda dos vivos en forma de oración e esmolas, tanto en metálico como en especie, coas que poder sufragar misas na súa memoria, de aí o nome de petos. O de San Martiño, na parroquia de Bidueiros, está moi ben conservado. Conta cunha base cúbica rematada en forma de mesa, non contendo o habitual rebaixe para o peto. Sobre dela, o corpo central é monumental e realizado en pedra granítica, contando con dúas partes: unha profunda fornela que fai de capela, na que se atopa unha imaxe de bispo con mitra e báculo, todo pechado mediante unha reixa de ferro que cobre o buraco; e unha buqueira de medio punto, que enlaza cun pequeno frontón que conserva esta forma. O conxunto está coroado pola típica cruz de pedra, neste caso octogonal, sobre un capitel cúbico, rebaixado nas arestas case que ata a súa parte superior, coa que engarza mediante transicións en punta de frecha.