Cruceiro das Maceiras
Este cruceiro sitúase no contorno da igrexa e do cemiterio homónimo. É moi sobrio, sen
imaxinería, o que lle aporta esvelteza e elegancia. Non se apoia sobre base e o seu fuste é un
octaedro formado a partir de biselar as esquinas dun prisma, formando así catro novas caras. Os
extremos superior e inferior do bisel decóranse con bolas. No extremo superior vemos un capitel
dobre moldurado sobre o que descansa unha cruz peculiar porque os seus brazos ábrense nos
extremos formando unha cruz ancorada, chamada así porque lembra ás áncoras, símbolos da
esperanza na vida eterna, por iso é habitual atopala próxima aos cemiterios. A tradición di que a
usaban os primeiros cristiáns porque difería da cruz latina e así podíana venerar sen medo a ser
perseguidos.