Lavadoiro de Fontestrada
Moi preto da capital do concello, na aldea de Fontestrada, podemos visitar este fermoso exemplo de arquitectura popular dedicada ó aproveitamento doméstico da auga. Trátase dun lavadoiro público comunal, moi ben conservado e restaurado, onde se lavan a man, cada vez menos, as prendas de roupa e outras tecidos de uso frecuente. Os lavadoiros atópanse normalmente nas aldeas ou moi próximos a elas, precisando de auga permanente, para cuxa obtención empréganse distintas técnicas que os acaba definindo tipoloxicamente. Algúns aproveitan o paso dun pequeno regato, pero o de Fontestrada se benefícia da presenza dunha caudalosa fonte de dous canos a diferentes alturas. Dende ela a auga verte nun estanque, que fai de cuba para alimentar o pilón central. Neste, habitualmente cadrado, pero aquí dunha orixinal forma trapezoidal, é onde se lava a roupa utilizando unha ringleira de lousas inclinadas e unidas que coroan o gran recipiente. O lavadoiro de Fontestrada presenta outros elementos típicos destas construcións: o seu sostemento en esteos de pedra e muriños; un teito composto por unha estrutura de vigas, tesoiras con trabes e tirantes e pontóns que soportan o tellado, neste caso a dúas augas; a existencia dun corredor elevado no que pousar os barreños de roupa; ou o feito de atoparse encaixado no terreo e protexido por un muro na parte mais exposta ás inclemencias do tempo.