Cruceiro, Fonte e Lavadoiro da Calexa
Situado entre os núcleos de Sestos e Barrio, está este conxunto que, no seu día, probablemente
deu servizo a ámbolos núcleos. O lavadoiro é sinxelo, fórmase por un pío que aproveita a auga
corrente dun manancial e cóbrese cun tellado. Os lavadoiros eran uns dos lugares máis
frecuentados polas mulleres e unifican a idea de traballo duro coa de vida social posto que o
lavado diario de toda a coada con auga fría uníase a conversa, a posta en común das últimas
novedades, as historias e as cancións.
O cruceiro outórgalle carácter sagrado ao lugar. Sitúase na parede traseira do lavadoiro pero
nunha cota máis elevada. O seu fuste biselado aséntase sobre unha base con dous escalóns en
grada, nun dos cales se tallou unha caveira con dúas tibias cruzadas que significa o triunfo de
Xesucristo fronte á morte aínda que no contexto do lavadoiro, podémolo ler como a bendición e
redención dos pecados que se consegue co traballo duro. A cruz non ten imaxinería e aséntase
sobre un capitel de inspiración xónica.