Cruceiro do Castro II
Atópase moi preto da igrexa de San Salvador, na parroquia de A “O”, advocación de Santa María. Localízase nun cruce de camiños fronte ó igrexario, co templo e o cemiterio á vista, no núcleo de O Castro e moi preto da estrada Nacional. Acada unha altura duns catro metros, partindo dunha base composta por unha plataforma dun só grao e un pedestal cúbico, diante do cal disponse unha robusta mesa sostida por dous firmes pes que a elevan ata aproximadamente un metro. O varal parte dunha planta cadrada para seguir na súa maior longura sendo octogonal. O capitel presenta a sucesión inversa que se compón dunha moldura inferior en filete octogonal, seguida dun breve fuste co mesmo número de lados, para rematar nun terceiro corpo cuadrangular que enlaza co anterior mediante unha transición cóncava en caveto en dúas das caras, xusto as que non conteñen as volutas laterais baixo a moldura final en filete cadrado. A cruz é octogonal e simple, pois carece de imaxes e inscricións, presentando terminacións florenzadas, tanto no pau como nos brazos traveseiros. Presenta función procesional, virando ó seu redor as imaxes que saen nas festas relixiosas.