Castro do Monte de San Breixo
Estamos na Parroquia de San Remixio das Maceiras, nun espazo montano que realza a paisaxe das elevacións do corazón de Galicia. Dende este punto é posible observar unha agreste panorámica acaroados á vixía natural sobrevoando varios regatos encaixados que constitúen as fontes do río Asneiro. O conxunto móstrase en medio dun espazo forestal, repartido entre a matogueira da cima e un bosque mesto de frondosas cara ó este. O asentamento prehistórico contén a actual sé parroquial, situada no límite entre ambos os dous tapices vexetais e acompañada por un refuxio de caza e unha carballeira. Ocupa unha posición case que agochada por estar ó acubillo do extremo oriental da croa do castro, sacralizando así as crenzas pagáns anteriores. Non se atopa acompañada por unha aldea, o que fai medrar o seu simbolismo, o seu carácter illado. Ao lugar accédese dende o Alto de Santo Domingo, deixando as mámoas do Alto da Carballeira á dereita, representantes da súa necrópole. Descéndese entón a esta crista do terreo, de marcado carácter defensivo á que se entra por un dos seus extremos, o único de fácil acceso. É un castro pequeno de forma ovalada, moi ben adaptado á topografía e, contando dende o alto dos seus parapetos da súa croa, acada aproximadamente unha hectárea de extensión.