Cruceiro do Castro VIII
Atópase nunha propiedade privada a carón da estrada entre Santiago e Ourense, dende a que é visible a pouco de saír da cabeceira municipal en dirección á capital galega e á man esquerda, a só uns 150 metros da igrexa parroquial. A súa factura é moderna, como versa en inscrición no seu pedestal, que o data no ano 2013. A plataforma é dun tipo de rocha distinto, de aspecto pouco elaborado, de forma cúbica pero irregular. O citado pedestal está formado por dúas partes, sendo a inferior de forma cúbica e compoñéndose a superior de dúas molduras, que amosan a superposición dun prisma rectangular e un filete. O fuste presenta o seu primeiro cuarto en forma cuadrangular, mentres o resto é octogonal irregular por oitavado. Este, que chega ata o capitel, enlaza as dúas xeometrías da parte inferior mediante unha transición en puntas de frecha dobradas. Do conxunto destaca o capitel, que parte dun colar redondo e desenvolve un aspecto corintio coas súas catro volutas esquinais e unha fila de follas de acanto. Enriba, a cruz é simple, latina, de sección cadrada, presentando no seu anverso un Cristo crucificado de notable tamaño, con pano na cabeza, esta levemente botada cara adiante pero erguida, as pernas flexionadas e os pes cruzados.