Cruceiro do Castro IV
Este cruceiro, que se atopa no rueiro da aldea de O Castro, forma parte dun conxunto de tres cruces de pedra, posiblemente un calvario, unha delas desaparecida hai uns corenta anos. Segundo os veciños o ámbito chegou a contar nun radio próximo con ata sete destas cruces monumentais. Das tres máis próximas quedan na actualidade dúas. A que aquí describimos é a mellor conservada. Atópase sobre unha pena que actúa como plataforma, presentando unha especie de pedestal rústico de aspecto cúbico. O varal é curto, liso e octogonal lixeiramente irregular con sensible desgaste, non pasando do metro e medio. O sobrio capitel enlaza de maneira basta coa columna, cun aspecto algo voluminoso para o conxunto. Semella buscar unha simetría e consta de tres elementos: o inferior ten unha forma alombada cara abaixo; sobre este acaróase un prisma rectangular; finalmente, imponse unha moldura similar á inferior pero máis plana. A cruz é cuadrangular con lixeiro oitavado. Fáltalle a metade superior do pau, presentando no anverso unha figura erosionada dun Cristo crucificado de cara redondeada. A carón deste cruceiro consérvase o varal e a base dun dos seus antigos compañeiros, o cal presenta feituras moi similares nos elementos visibles.