Igrexa de Vilarello
A esta igrexa chégase atravesando un pequeno núcleo cuxo último tramo debe facerse a pé dado
o estreito que é o paso. Esta circunstancia achégalle un valor engadido á igrexa, á cal se chega
deixando o núcleo á dereita e un espectacular contorno natural, á esquerda.
A igrexa é de planta rectangular dunha nave e ábsida destacada en altura con cuberta a catro
augas. A sancristía está acaroada á cabeceira. A fachada ten unha portada alintelada, van central
rectangular e unha espadana central dun hoco adornada con pináculos e unha cruz central. O seu
adro está rodeado de muro e no seu interior tamén está o cemiterio. Un cruceiro sitúase na porta
de entrada.