Cruceiro do Castro V
Situado na cabeceira municipal, á beira da estrada principal, é un cruceiro de nova factura, elaborado en pedra granítica, sinxelo e de formas ben marcadas. Presenta unha base completa, contando primeiramente cunha plataforma cuadrangular de tres graos. O coidado pedestal acolle unha moldura central rebaixada en forma de mediacana que se atopa flanqueada por unha parte inferior saínte en prisma rectangular e outra superior en almofada. O varal ten o seu primeiro cuarto en forma cuadrangular, igual que ocorre coa súa parte alta final. Entre ambas as dúas amosa unha sección octogonal e fai a transición entre as dúas xeometrías mediante rebaixes en punta de frecha. O capitel componse dunha moldura inferior próxima a un cuarto de bocel e un filete superior cadrado. A cruz é de tipo latino, con rebaixes internos que a realzan, como tamén o fan os claros remates florenzados do pau e dos brazos traveseiros.