Camiñando: Camiño de Santiago - Vía da Prata Dozón
O Camiño do Sueste ou Vía da Prata parte de Sevilla cara ó norte desviándose en terras zamoranas. Tras superar Sanabria, penetra en Galicia polos altos de A Mezquita e A Gudiña. Entra na comarca dezá dende Cea e Oseira, dúas variantes que teñen punto de saída nas inmediacións das aldeas castrexas de Amear e A Gouxa.
A variante de Amear acada Dozón nunha engaiolante carballeira que limita co ourensán Piñor de Cea, cando quedan 74 quilómetros para a cidade do Apóstolo. Pronto superamos un regato mediante alongadas poldras. Comeza logo unha costa entre altos muros escoltados por carballos que, convertida en pista forestal levaranos, en varios banzos, ata os cumios serráns. Os bidueiros dan conta da notable altitude, acompañándose por piñeiros e repoboacións forestais. Curtos tramos en costa abren novas vistas, cada vez máis amplas, aproveitando o dominio dos pastos de montaña e unha matogueira composta por toxos, breixos, queiroas e carqueixas, en fermosos contrastes cromáticos, acuarela de cores que varía ó longo do ano. Os cumios non son ermos, amosando un mosaico paisaxístico no que os pasteiros e o mato, ambos os dous de obrigado equilibrio no sistema agrario tradicional, dominan sobre parches arbóreos, aliñados bosques de ribeira nas valgadas e recadros arborados limitando as fincas.
Das extensas vistas sobre as abas ourensáns de Piñor, a carón do Monte Gándara (867 metros de altitude), no Coto Frío (km 3,3), pasamos á vertente do Deza, comezando a abrirse ante os nosos ollos espléndidas panorámicas sobre o nordés pontevedrés. Cumios agrestes, grandes aldeas e a retícula do parcelario agrario salpicada de castros son parte dunha paisaxe cun fondo significado humano e natural. En rápido descenso acadamos a capital municipal, O Castro (km 4,6), onde enlazamos coa alternativa de A Gouxa.
A variante de A Gouxa procede do mosteiro de Oseira, en Cea. Entra no concello de Dozón ó atravesar, entre bidueiros, o Rego de Amear. Este regato forma pequenas brañas cunha interesante biodiversidade. O camiño segue unha senda moi antiga percorrida dende antano por arrieiros e mercadorías que ían feirear á Gouxa. Chegados a este lugar (km 0,7) cabe reparar nos pendellos, especialmente aqueles que manteñen a estrutura aberta do século XVIII e responden á orixinal arquitectura tradicional destes recintos.
Dende alí, pasando por poldras laterais o río Asneiros (km 1), da bacía do río Miño, seguimos camiños arborados e murados para chegar a Bidueiros. Nun cruzamento cun antigo cruceiro, hoxe moi deteriorado en varios anacos, accedemos a pista asfaltada. Entre campeiros e vacas aparece a igrexa parroquial e, de seguido, o núcleo principal da mesma. Bidueiros (km 1,8) déixanos unha viva estampa gandeira ademais dunha arquitectura tradicional ben conservada, con vellas cuadras tradicionais cheas de vacúns. Un lavadoiro que tivo un cruceiro anexo vainos sacando da aldea. Buscamos entón a aldea de San Martiño entre hortas e prados húmidos, beireando a cabeceira do río Asneiros nunha bucólica paisaxe montesía. Unha carballeira sombriza da entrada ó lugar (km 2,5), outro fermoso exemplo de arquitectura agraria tradicional en vivendas e construcións adxectivas. Nelas pode gozarse da presenza de vacas, galiñas e outros animais de granxa. Pasamos a carón dun peto de ánimas e acadamos a estrada nacional, onde cabe repousar a vista nun fermoso castiñeiro.
Continúase entón pola marxe dereita da estrada que, chegada a primeira curva, no Porto do Curro (km 3,1), aproveita unha pista anexa. Chégase así ata as proximidades da capital do concello, á que se entra por beirarrúas deleitándose o paseante con gratas paisaxes agrarias ao norte.
As dúas variantes saen da cabeceira e se atopan coa monumental igrexa da “O”, parroquial de San Salvador do Castro (km 5). Pasado o seu cruceiro e deixando o asentamento castrexo á dereita acádase o polígono industrial (km 5,7). Superado este seguiremos o trazado da estrada principal pero por un fermoso e boscoso camiño de terra lateral (km 6,3), logo aberto á vía. Atravesando en dúas ocasións para seguir o seu antigo trazado, agárdanos o famoso alto de Santo Domingo, importante paso montañoso a 700 metros de altitude. Pouco despois atoparemos a capela do seu nome (km 8,1) e, ao outro lado, un bar-restaurante onde repoñer forzas. Ó longo deste treito non deixaremos de ter vistas interesante. Pouco máis adiante (km 9) tomaremos unha pista terreira que sae pola esquerda e ascende de novo, ata a Mámoa de Xandín (km 9,6), onde nunha galla do camiño, se pasa do concello de Dozón ó de Lalín. Algo antes, unha panorámica excepcional cara ó leste, orixe e epílogo de Dozón, permite admirar a lendaria elevación da Pena de Francia e, tras dela, no horizonte, a Serra da Martiñá. Quedan 64 quilómetros para Santiago.