Camiñando: A Gouxa-Pena de Francia-O Mosteiro-Bidueiros-A Gouxa

Camiñando: A Gouxa-Pena de Francia-O Mosteiro-Bidueiros-A Gouxa

Se a paisaxe é a imaxe dun territorio, as terras de Dozón son o espello do panorama da media montaña galega, un escenario vivo no que os actores principais son tanto as xentes desempregando as súas actividades agrarias diarias, coma o gando que pasta nas súas elevacións e os cambios multicolores da vexetación nas diferentes estacións. Un paraíso humanizado en equilibrio ca natureza. Propoñémosvos un paseo polo latexar das montañas da Dorsal Central Galega.

O noso camiño sae de A Gouxa, para chegar de novo a ela en oito quilómetros. O punto de partida é un lugar especial, mítica feira de orixe medieval que conserva un gran atractivo gastronómico e mantén en pé algúns dos pendellos cuxa traza arquitectónica aberta se perde nos tempos. Dende a ampla praza que acolle hoxe o recinto moderno, ao abeiro de vellos carballos que quedan como testemuña dun gran número de compañeiros, partimos polo Camiño Real, vía que seguían os arrieiros que cruzaban estas altas terras dende Ourense cara ó norte de Galicia. A ambos os dous lados van quedando as alongadas e baixas construcións nas que se intercambiaban os produtos e que hoxe están pechadas amosando o aspecto de vellos almacéns. Un deles, xa saíndo do lugar, á dereita, cunha entrada en arco, é a antiga capela, que hoxe conta con outros usos.

Seguimos unha pista terreira cortexada por carballos e bidueiros, que nos separan das carballeiras, dos amplos pasteiros, as granxas e vacadas de raza Rubia Galega. Cando xa levamos un quilómetros accedemos a unha pista asfaltada. Tomando á dereita por ela imos ascendemos paseniñamente cara a parte alta do percorrido, entre extensos prados montesíos á esquerda e repoboacións forestais dominadas polos piñeiros de Oregón á dereita. Chégase así (km 3) a un dos puntos máis senlleiros do concello, a Capela da Virxe da Pena de Francia, lugar de importante significado histórico na comarca e coñecidas lendas, de inabarcables vistas panorámicas.

Dende o santuario báixase pola non menos famosa área recreativa romeira, onde se pode facer un alto para beber na súa monumental fonte e descansar ó abeiro das árbores nas súas mesas e bancos. Emprendemos entón o descenso cara a parte máis poboada.  Seguindo o ancho camiño, ao pouco de pasar uns depósitos de auga contra os lumes, unha senda descende á esquerda para acceder a un pequeno bosque testemuña da noutrora máis frondosa Carballeira do Rei. Alí xorde o río Asneiro, de dous nacentes que saen da terra e rapidamente se xuntan nunha área húmida baixo bidueiros e carballos. Unha branca pena lembra á Virxe a modo de pequeno altar pétreo.

De volta no camiño baixamos xa cara a aldea de O Carballo (km 4,5), anunciada pola aparición de grandes castiñeiros. Accédese por un lavadoiro con fonte no que, tomando á dereita atravesaremos o lugar admirando bos exemplos de arquitectura tradicional en vivendas e construcións adxectivas, así coma os abundantes castiñeiros podados que hai a carón das casas. Cruzando a estrada local entramos no lugar de Quintá, alongada aldea camiño que outea xa, entre muros, buxos, figueiras e parras, o núcleo de O Mosteiro.

O Mosteiro (km 5) é o emprazamento histórico artístico máis importante da contorna. Se a igrexa do antigo mosteiro mantén todo o seu esplendor, non queda atrás a propia aldea e as súas construcións, con bos exemplos de hórreos e vivendas, algunhas con escudos nobiliarios que lembran o poder que tivo antano este lugar. Sáese da poboación tomando unha pista asfaltada á esquerda, quedando á man dereita unha fonte con lavadoiro e un muíño ben conservado do que se pode ver a cubela acaroada ao beiril do tellado.

Seguimos un breve ascenso dende o que deixaremos xa o asfalto para seguir por camiños ancestrais cara a zona de Bidueiros, por vieiros cheos de vida, con tramos de bosque mesto, con zonas de claros que nos descobren escenas agrarias de gran beleza salpicadas de árbores senlleiras, e outros treitos entre altos muros e congostras de rocha convertida en xabre. Nesta trama de camiños, que nos trasladan á paisaxe retratada polo romanticismo artístico e literario do século XIX, na que existe unha total harmonía entre o ser humano e a terra que o sostén, os sentidos recuperan a súa esencia primitiva, enriquecida polos agradables encontros cos paisanos e as súas vacadas. Un chocallo que soa, un muxido que sorprende, unha bucólica vista dos prados e os bosques e chegaremos ata o cruce de Bidueiros (km 7).

Tras respirar o aire puro e expandir os sentidos, faremos o último quilómetro seguindo de novo camiños de terra e pedras, á sombra de carballos emparellados cos muros e praderías para o gando. Teremos que superar, mediante unhas poldras en ringleira na beira esquerda do camiño, o Río Asneiros, que non pertence á bacía dezá do Ulla, senón que conflúe co Arenteiro para buscar as augas do río Miño. O último tramo compártese co Camiño de Santiago, variante da Gouxa. Subindo suavemente por unha pista que, atravesada a estrada local, vólvese camiño para acceder finalmente ó recinto feiral da Gouxa.

150 150 Dozón Turismo
Privacy Preferences

When you visit our website, it may store information through your browser from specific services, usually in the form of cookies. Here you can change your Privacy preferences. It is worth noting that blocking some types of cookies may impact your experience on our website and the services we are able to offer.

Our website uses cookies, mainly from 3rd party services. Define your Privacy Preferences and/or agree to our use of cookies.