Feira de A Gouxa
As feiras da Gouxa, celebradas os días 11 e 23 de cada mes, responden como poucas a súa función económica e social, mercantil e festiva, como herdeiras dunha tradición que se remonta ó medievo e que, na filosofía do rural, convértense nunha institución, unha necesidade e un hábito de alcance comarcal. Teñen lugar na aldea de A Gouxa, parroquia de Santa María de Bidueiros, moi preto do límite provincial con Ourense, onde se toma un desvío dende a Estrada Nacional 525 para acceder en pouco máis de 1 km ó enclave. Atópanse nunha encrucillada de importantes camiños antigos que no seu día eran transitados por numerosos arrieiros, os cales trasladaban mercadorías polo territorio galego, principalmente procedentes do Ribeiro, Ourense e Oseira. Esta posición estratéxica espertou o interese dos monxes desta última localidade, que tiveron xurisdición e desenvolveron esta feira que daba saída ás súas producións e propiedades. Na actualidade, a súa destacada afluencia é variada e integradora, con xentes de toda as idades que gozan do ambiente e realizan as súas actividades económicas de compra e venta. Trátase dun verdadeiro mercado rural no que non faltan os tradicionais pratos de carne e polbo, dos que as súas saborosas racións soen rematarse. A antigüidade do recinto levou a que nel se celebre a famosa Festa da Carne ó Caldeiro e a Bola con Torresmos, iniciada en 1994, á que acoden participantes de toda Galicia e na que se rende homenaxe ás recoñecidas receitas mentres se observa a súa elaboración. Nestas e outras ocasións non faltan variadas actividades musicais e culturais. Para ambientar a súa lonxevidade é bo reparar nos pendellos, construcións do s. XVIII que abrigaban ás persoas e mercadorías das inclemencias meteorolóxicas. Moitos deles desapareceron a mediados do século XX, esvaecendo o que debeu ser un recinto verdadeiramente espectacular. Ademais dos mellor conservados, existen outros remodelados que xa non reproducen a súa estrutura tradicional, como tampouco o fai a capela, que non presenta a súa secular función relixiosa de protección e devoción nos lugares de mercado.