Cruceiro do Castro I
Trátase dun dos sete cruceiros que contiña a aldea de O Castro e o seu rueiro, formando parte, probablemente, dun via crucis ou estación de camiño sacro. Os catro conservados na actualidade presentan trazas moi semellantes, entre elas o seu carácter rústico e rotundo, ademais do feito de contar cunha base en afloramento rochoso, neste caso formando un muro á beira do camiño. Dende el obsérvase un varal octogonal regular coas arestas romas polo desgaste. O capitel, acaroado de maneira basta á columna, consta de tres elementos: o máis baixo con forma tronco-prismática invertida moi desgastada; segue un prisma rectangular intermedio; para rematar, na parte superior, cun filete delgado e de base cadrada. A cruz, como a dos cruceiros próximos, é prismática de base cadrada e sen inscricións. No anverso do pau da mesma o canteiro labrou un cristo de trazas simples e atenuadas pola erosión, aparecendo en posición de crucifixión coas mans abertas e as pernas sen flexión marcada. O porte total do cruceiro é baixo. Dende a beira do camiño, elevado no medio dunha ladeira, divísase unha fermosa panorámica sobre as terras de Dozón e algunhas das cimas que compoñen este tramo da Dorsal Central Galega.